Wednesday 26 de June de 2024

Laxe pecha o curso deportivo poñendo en valor o talento do deporte local


· A xornada contou con exhibicións de patinaxe e taekwondo por conta do alumnado das escolas municipais destas disciplinas.

· Ademais tamén se disputaron encontros de baloncesto, bádminton e fútbol sala entre a rapazada e os seus pais e nais.

Laxe puxo esta tarde punto e final ao curso deportivo municipal coa clausura das diferentes escolas deportivas postas en marcha desde o Concello ao longo deste curso 2023-2024.

Centos de asistentes ateigaron o pavillón municipal para desfrutar dunha tarde que estivo marcada pola ampla variedade de exhibicións das que as persoas congregadas no recinto deportivo tiveron ocasión de gozar.

Deste xeito, os nenos e nenas da escola de taekwondo, que deron boa conta das nocións e técnicas aprendidas ao longo do curso. A continuación foi a quenda para o alumnado de bádminton e baloncesto, seguidos polos participantes nas actividades de fútbol sala e predeporte. Todos eles fixeron gala das súas habilidades enfrontándose aos seus pais e nais en diferentes partidos.

A exhibición por conta dos mozos e mozas participantes na actividade de patinaxe púxolle o broche a unha tarde na que todas e todos os participantes foron recoñecidos cun diploma polo seu bo facer ao longo do transcurso do curso deportivo.

O alcalde, Francisco Charlín, mostrouse satisfeito “polo fantástico ambiente vivido esta tarde, na que o pavillón municipal se encheu para poñer en valor o deporte laxense”. Ademais, tamén destacou “a aposta do goberno local por potenciar a práctica deportiva no municipio, unha aposta que se materializa nunha oferta multidisciplinar da cal se pode beneficiar a nosa veciñanza”.